Proposta para a elaboración dunha estratexia de promoción turística en Cuntis

O mes pasado Veciñanza alertaba do abandono ao que está condenado o turismo no noso municipio, que se incrementou durante este primeiro ano de lexislatura do bipartito. Se as carencias eran múltiples, este verán Cuntis quedou sen informador/a turístico e o punto físico identificado como ‘Oficina de Información Turística’ presenta agora un letreiro que avisa de que se atopa ‘fóra de servizo’. Tamén foi abandonada a páxina web, que leva máis dun ano sen actualizar pero que ao seguir activa na rede permanece como unha referencia para potenciais visitantes. A imaxe que se dá é patética e intolerable.

Identificadas as carencias, presentamos a nosa proposta para a elaboración dunha estratexia de promoción turística en Cuntis. Alavadoiros3 importancia do sector turístico para o noso municipio é incuestionable, e representa quizais a maior oportunidade para xerar posibilidades de futuro aquí. O sector inclúese nos orzamentos municipais que están en vigor na partida titulada ‘Comercio, Turismo e pequenas e medianas empresas‘, que representa un 0,294% do total (9000 €), unhas cantidades claramente insignificantes se temos en conta o que representa o sector.

Apostamos por traballar cara a posibilidade de conseguir a declaración de Cuntis como Municipio de Interese Turístico, tal e como figuraba no noso programa electoral. A maior parte dos requisitos esixidos para esta distinción representan un obxectivo accesible para o noso concello. Logo do encontro veciñal celebrado o pasado día 13 de xullo, e incorporadas as suxestións máis destacables, facemos pública a idea para botar a andar unha imprescindible estratexia de promoción e dinamización turística en Cuntis. Sendo conscientes das limitacións, presentamos un conxunto de iniciativas que conteñen accións sen custe ou con gastos perfectamente asumibles e que lle solicitamos ao Goberno Municipal que bote a andar.

O documento identifica tres fases:

  • antes de vir a Cuntis
  • en Cuntis
  • e oferta da que pode dispoñer o visitante.

Na primeira delas, sinalamos a necesidade de dispoñer de material informativo actualizado, útil, atractivo e de calidade. Dípticos, trípticos, folletos, etc. É imprescindible a súa correcta distribución, para que poida estar dispoñible na rede de oficinas de información turística presentes nos puntos de maior afluencia de visitantes. A presenza en feiras e eventos do sector é fundamental. A aposta pola combinación entre turismo e natureza, e aquí é ineludible a conservación e mantemento das rutas de sendeirismo, entre outras. A presenza en redes sociais e a implicación veciñal son tamén dous elementos principais nunha estratexia como a que propoñemos.

oficinaturismo2016

A atención e o servizo ao visitante que está en Cuntis pasa evidentemente por dispoñer dun/ha informador/a turístico/a nunha localización identificable durante todo o ano. Infraestrutura física que explique debidamente os recursos turísticos dos que dispoñemos, así como oferta virtual para dispositivos móbiles. Coordinación con todos os axentes locais implicados no sector. Necesidade dunha identidade corporativa que vincule o noso potencial turístico.

E finalmente, complementar a oferta contemplativa cun catálogo atractivo de oferta participativa. A este respecto, xurdiron moitas e moi boas ideas no encontro veciñal do pasado mércores día 13.

A proposta de Veciñanza non se limita á implementación de accións illadas e sen articulación entre si. Falamos dunha estratexia global de promoción e servizo que só pode partir de quen entende o sector turístico como un eixo de desenvolvemento socioeconómico. Xunto a ese obxectivo da declaración de Municipio de Interese Turístico apostamos tamén por afondar na promoción da variante do Camiño de Santiago que transcorre por chan cuntiense, unha alternativa documentada e que ofrecería unha interesante oportunidade para ampliar o potencial do que xa dispoñemos.

Share

Tamén pode gustarche...